A Segunda División B, nunha encrucillada

Pontevedra
22 de abril 2020

A falta de consenso que provocou a proposta da Real Federación Española de Fútbol de terminar a tempada sen descensos e cun play-off de ascenso exprés deixa no aire o futuro da categoría de bronce, na que milita o Pontevedra, e cuxa tempada pode finalmente anularse por completo entre debates de reestruturación

Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao
Partido entre Coruxo e Pontevedra no Vao / Diego Torrado

O futuro da Segunda División B está máis no aire que nunca despois duns últimos días con moito movemento e propostas sobre como afrontar o futuro cando a alerta sanitaria permita volver aos terreos de xogo.

A falta de de consenso que provocou a proposta da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) de dar por terminada xa a liga regular sen descensos e cun  play-off de ascenso exprés, con clubs contrarios desde o primeiro momento a esta idea como o Pontevedra por considerala "inxusta", deixa nun interrogante que pasará coa categoría de bronce no medio de debates sobre a súa reestruturación.

Eses escasos apoios á proposta federativa fan posible mesmo que a tempada se de finalmente por nula a todos os efectos, sen descensos pero tampouco ascensos, para despois debater como modificar a competición para os próximos cursos.

En todo caso a RFEF debe aínda tratar estes asuntos cos presidentes das territoriais antes de tomar unha decisión definitiva, aínda que non se esperaba as fortes reticencias dos clubs da categoría.

Isto traduciuse nunha serie de propostas alternativas, como a asinada por unha trintena de entidades que plantexa aproveitar a circunstancia para crear unha Segunda B PRO con dous grupos de 20 equipos (norte e sur). Estaría formada polos catro equipos que descendan de Segunda A e os dez primeiros dos catro grupos da actual Segunda B, excepto os que ascendan no play-off exprés proposto pola Federación.

Nesta categoría, previa ao fútbol profesional, os campións de grupo ascenderían directamente e os segundos e terceiros clasificados xogarían un play- off de ascenso en partido de ida e volta. Pola súa banda, os catro últimos de cada grupo descenderían á Segunda B. O Pontevedra entraría nesta selección PRO ao ocupar a novena posición do Grupo I no momento da suspensión, do mesmo xeito que o Coruxo que era quinto.

Por outra banda xurdiron de novo as voces que reclaman a creación dunha liga de filiais ou as que defenden que o nivel 'elite' da Segunda B quede composto polos 16 equipos que ocupan actualmente postos de play-off.

Unha situación de difícil solución ao existir clubs que se van sentir agraviados sexa cal sexa a decisión da Federación. Por iso é polo que a opción de anular a tempada gaña forza ao ser a única acorde ao regulamento actual de competición e que pode por tanto evitar unha fervenza de reclamacións xudiciais das entidades prexudicadas pola decisión, xa que algúns dos clubs falan abertamente de acudir aos tribunais e paralizar o inicio da próxima tempada.