Todo o que rodea aos clubs da Segunda División B, e neste caso en concreto ao Pontevedra Club de Fútbol, son dúbidas estes días, á espera de que a Real Federación Española de Fútbol decida de que maneira finaliza a tempada e como reestruturará a próxima.
Mentres iso sucede clubs como o granate seguen sen poder retomar a normalidade nos seus adestramentos, limitándose á pauta de exercicios enviada aos futbolistas e que estes realizan de maneira individual. Así foi desde o inicio do confinamento, coa novidade nos últimos días de poder empezar a saír ao exterior nunhas horas determinadas. Ao tratarse de deportistas federados, poden exercitarse ao aire libre "dúas veces ao día, entre as 6:00 horas e as 10:00 horas e entre as 20:00 horas e as 23:00 horas, e dentro dos límites do termo municipal no que teñan a súa residencia", especifica o Boletín Oficial do Estado (BOE).
Con todo o club granate atópase cun problema 'extra' que lle impide pensar de momento en adestramentos de carácter máis oficial, e é que a Segunda División B está considerada para o Consello Superior de Deportes como unha categoría 'semiprofesional'.
Na práctica isto supón que as recomendacións publicadas no BOE e á que se acollen desde este luns os equipos de Primeira e Segunda División non son válidas. Así o artículo 10 do Boletín sinala que "os deportistas integrados en clubs ou sociedades anónimas deportivas participantes en ligas profesionais poderán realizar adestramentos de carácter básico", sempre "de maneira individual e cumprindo coas correspondentes medidas de prevención e hixiene". Ademais completa a explicación confirmando que os adestramentos se poderán desenvolver "nos centros de adestramento de que dispoñan os clubs ou sociedades anónimas deportivas".
No caso do Pontevedra, todo isto supón que non podería empezar de maneira oficial co traballo nesas condicións básicas polo menos ata a fase 2 da desescalada planificada polo Goberno, o que seguindo o mellor dos escenarios posibles producirase o luns 25 de maio, mentres que o adestramento 'medio' en ligas non profesionais non podería iniciarse en ningún caso antes da fase 3, é dicir, o 8 de xuño.
Un panorama que fai moi complicado que se chegue a producir ese regreso aos terreos de xogo esta tempada, sobre todo pensando que os contratos dos xogadores expiran o 30 de xuño e prorrogalos no caso do fútbol modesto supoñería un grave contratempo a nivel económico.