Louzán alíñase con Rubiales e considera que un playoff exprés para 2ª B e Terceira é a opción "menos lesiva"

Pontevedra
16 de abril 2020

Ademais de suprimir descensos, a proposta da RFEF contempla o ascenso dun equipo de cada un dos grupos de Terceira División a través dun sistema de final a catro entre os catro primeiros clasificados de cada grupo nun campo neutral e a partido único

Partido de Liga entre Pontevedra e Ibiza en Pasarón
Partido de Liga entre Pontevedra e Ibiza en Pasarón / Diego Torrado

A proposta da RFEF dar por finalizada a liga regular en Segunda División B e Terceira e disputar unha fase de ascenso cos equipos que ocupaban prazas de fase de ascenso tras a disputa da última xornada atopouse co rexeitamento dos equipos galegos da categoría de bronce do fútbol español. Pontevedra, Coruxo e Rácing de Ferrol comunicaron a súa negativa, con todo, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, defendeu este xoves en rolda de prensa que se trata da opción "menos lesiva", que conta co apoio da maioría de equipos de Terceira División e que "falaremos con eles porque queremos sumar a todos".

No caso do conxunto granate, a directiva cualificou de "inxusta" a proposta ao privar a equipos como o Pontevedra, en liña ascendente, de disputar unha praza de playoff e alegan que a cancelación da tempada, de producirse, debe ser para todos. Tamén o presidente do Racing de Ferrol, Pepe Criado expresouse en termos similares. Co obxectivo de recoller as súas queixas e tratar de convencelos para que apoien a proposta, o máximo responsable da Futgal, manterá este venres a partir das 18 horas unha reunión a distancia cos presidentes dos catro clubs galegos da Segunda B.

As extraordinarias circunstancias que afectan o mundo do deporte pola pandemia do coronavirus levou á RFEF a estudar esta opción, que garante catro ascensos a Segunda División, anula os descensos e permite a promoción de 18 clubs desde Terceira División co consecuente aumento do número de clubs nesta categoría para a próxima tempada. Algo que obrigará a reestruturar os grupos. Louzán deslizou que haberá dúas subdivisións de elite, que se disputarán as prazas de ascenso a Segunda División, e outros catro grupos co resto de equipos. Mais non matizou que clubs terían dereito a participar nestas seccións de elite.

O presidente do ente autonómico recoñeceu que sobre a mesa existen outras opcións como adoptar un modelo similar ao suramericano con torneos apertura e clausura, retomar a competición despois do verán, ou dala por finalizada e ter só en conta os resultados da primeira volta. Con todo, a "menos mala" é a que está agora mesmo está sobre a mesa de todos os clubs e federacións territoriais

Se finalmente se chega a un acordo, aínda haberá que buscar unha data para a disputa destas fases de ascenso. "Non hai data, dependerá do fútbol profesional", puntualizou Louzán, quen quixo deixar claro que polo momento se trata dunha proposta e que calquera decisión que se tome dependerá das circunstancias sanitarias. Mesmo asegurou que a próxima tempada tamén se verá afectada por esta crise.

FINAL FOUR GALEGA POR UNHA PRAZA EN SEGUNDA B

Menos voces discordantes existen na Terceira División galega. Recoñeceu Louzán que foron a maioría os clubs que lle pediron á Federación o fin da competición por cuestións económicas e administrativas. O regreso da liga regular parece descartado, pero si haberá unha fase de ascenso se esta proposta sae adiante.

Disputarían esta promoción os catro primeiros clasificados (Compostela, Ourense CF, Arousa SC e Barco) que sería en campo neutral e a partido único. "Se queremos minimizar o risco de contaxio é inviable facer cruces con outros grupos", explicou o dirixente. Con isto, de cada un dos grupos de Terceira División sairía un ascenso e o próximo ano habería, con total seguridade, un novo equipo galego na categoría de bronce.

As semifinais e final, a partido único, "celebraríanse nun estadio con garantías sanitarias e facendo tests a todos os xogadores", asegurou Louzán. Pola súa condición de líder da categoría, o Compostela pediu celebrar a fase de ascenso no estadio Vero Boquete de Santiago, algo que polo momento está por determinar.

Nas últimas horas, un novo borrador chegou ás federacións territoriais no que algúns equipos piden que os primeiros clasificados de cada grupo de Terceira ascendan de forma directa e que se concedan dez prazas adicionais a disputar entre os segundos, terceiros e cuartos clasificados nunha fase de ascenso. Algo que obrigaría a aumentar aínda máis o número de equipos en Segunda B e que aínda non foi analizada polas federacións.

FÚTBOL SALA

A suspensión da competición afecta tamén ás ligas nacionais de fútbol sala. Louzán ten pendente unha reunión cos clubs galegos afectados por esta situación para escoitar as súas propostas e acordar unha decisión sobre o futuro das ligas regulares, os playoff, os ascensos e a disputa das copas. Desta última cuestión está moi pendente o Poio Pescamar, descolgado da loita da final- four polo título pero clasificado para a fase final da Copa da Raíña.