O pontevedrés Rafa Sáez, protagonista dun novo capítulo das charlas de fútbol da Federación Galega

Pontevedra
21 de abril 2020

O adestrador do Arousa SC debaterá co técnico do Ribadumia, Luís Carro, e o expreparador do UCAM Murcia e Celta B, Rubén Albés, sobre a súa forma de ver este deporte e a situación que actualmente o rodea

Rafa Sáez e Luisito en Pasarón durante un partido entre Coruxo e Pontevedra
Rafa Sáez e Luisito en Pasarón durante un partido entre Coruxo e Pontevedra / Diego Torrado

Acento galego nun novo episodio das charlas de fútbol que están a organizar a Real Federación Galega de Fútbol e o Comité Galego de Adestradores.

Despois do debate entre os tres adestradores dos equipos galegos en categoría profesional, este martes chega a quenda de tres técnicos da Comunidade. A partir das 19.30 horas deste martes Rafa Sáez, Rubén Albés e Luís Carro conversarán sobre a situación que rodea ao balompé.

A cita poderá seguirse en directo polos perfís de Facebook e Youtube da FGF. Por primeira vez nesta serie un adestrador pontevedrés será protagonista. Trátase de Rafa Sáez, o ex adestrador de Pontevedra e Celta que actualmente ocupa postos de fase de ascenso co Arosa SC, quen sen ningunha dúbida expresará a súa opinión sobre as propostas para resolver unha liga que, tal e como comunicaron os equipos de Terceira ao presidente Rafael Louzán, apunta a darse por terminada abrindo a porta do playoff de ascenso ao equipo vilagarcián.

Acompañarán a Sáez o adestrador do Ribadumia, Luís Carro, quen xa ten garantido o ascenso matemático desde Preferente e Rubén Albés, cuxo periplo no UCAM Murcia, despois do seu paso polos filiais do Valladolid e Celta, acabou de forma precipitada.