Arosa na Terceira División de Fútbol e O Fisgón e Leis na Segunda e Segunda B feminina e masculina de fútbol sala respectivamente empezan a coñecer a folla de ruta que lles espera cara aos play-off de ascenso cos que finalizará a tempada e aos que se clasificaron tras a suspensión das ligas regulares.
A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) publicou unha circular informativa na que avanza aos clubs as liñas nas que está a traballar para o desenvolvemento destas fases de ascenso, así como os protocolos e as fases de adestramento que deberán completar previamente.
Trátase en todo caso dunha proposta federativa que debe ser aprobada aínda polos órganos competentes e autorizada pola administración pública para cumprir coas esixencias sanitarias.
Os calendarios que se propoñen para os play-off expoñen disputar as fases de ascenso de Segunda División B e Terceira División de fútbol na segunda quincena de xullo, coas semifinais os días 18 e 19 e a final o sábado 25 de xullo. Ademais en agosto tería lugar unha fase adicional de Terceira para completar as prazas de ascenso.
Pola súa banda en fútbol sala os play-off da Segunda División B no que participará o Leis, así como a Segunda División feminina con O Fisgón de Marín clasificado, xogaríanse entre o 18 e o 26 de xullo.
Segundo sinala a circular da RFEF a non inscrición nas fases de ascenso dun club clasificados para ela non supoñerá sanción, pero se iso sucede non se cubrirán as prazas que queden desertas decidíndose os ascensos co resto de participantes.
FASES DE ADESTRAMENTO
A Federación Española sinala tamén cal será o camiño para seguir na volta aos adestramentos. Coa fase 1 de sesións individualizadas xa permitido, o resto de fases con adestramentos colectivos deberán iniciarse de maneira simultánea para todos os implicados nos play-off de cada categoría. Así o adestramento medio non podería levar a cabo antes do 1 de xuño e a fase 3 de pre-competición antes do 15 de xuño.