Tres meses despois, o Leis volve traballar en grupo coa mente posta no ascenso

Pontevedra
09 de xuño 2020

O equipo pontevedrés retomou este luns os adestramentos en grupo coa vista posta na primeira eliminatoria do playoff, fixada para o 18 de xullo contra o Albense

Primeiro adestramento do Leis para preparar o  play- off de ascenso a Segunda
Primeiro adestramento do Leis para preparar o play- off de ascenso a Segunda / Mónica Patxot

Unha pretempada de seis semanas para empezar a carreira, a todo ou nada, polo ascenso á Segunda División do fútbol sala masculino nacional. Ese é o horizonte do Leis Pontevedra, que este luns retomou os adestramentos en grupo tras case tres meses de adestramento individual nos domicilios particulares. "Desde a semana que se decretou o confinamento empezamos con adestramentos individuais e sesións de vídeo para lembrar táctica individual e colectiva", explica o adestrador do cadro pontevedrés, Mikel Diestro.

Os xogadores do primeiro equipo foron citados a última hora desta tarde no Pavillón Multiusos da Xunqueira para realizar a primeira sesión de traballo dirixida a preparar a primeira eliminatoria do playoff fronte ao Albense o 18 de xullo. "Non imos chegar ben ningún equipo", admite o técnico máis centrado en "previr lesións" e construír un equipo "mentalmente forte".

A motivación non será necesario traballala, vén de serie. "Temos moitas ganas de conseguir o ascenso", asegura o preparador vasco, que deseñou un traballo similar ao dunha pretemporada convencional na que o traballo físico "sempre con balón" marcará as primeiras semanas.

Afacerse ás novas rutinas de distanciamento social e de prevención de contagios requirirá tamén un pequeno esforzo. Desde o club preferiron non retomar o adestramento en grupos reducidos como se fixo noutros deportes e esperaron á fase 3 de desescalada na que os adestramentos en grupo volven estar permitidos.

Aínda así, hai algunhas normas que hai que cumprir. Nos vestiarios debe manterse a distancia de seguridade, para o que o plantel terá que facer uso de varias salas que, diante da falta de actividade do resto de equipo da cidade, poderán ocupar sen ningún tipo de impedimento. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora