Os play-off de ascenso de Leis e O Fisgón xogaranse, oficialmente, sen público

Pontevedra
25 de xuño 2020

A Real Federación Española de Fútbol confirmou este mércores que as fases de ascenso exprés que organiza para finalizar a tempada das competicións nacionais disputaranse "sen a presenza de público e a porta pechada". A decisión sobre o play-off do Arosa, en mans da Federación Galega

Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes
Pista de xogo azul no Pavillón Municipal dos Deportes / Concello de Pontevedra

A melloría da situación sanitaria no país, co fin do estado de alarma, trouxo consigo a esperanza de poder finalizar a tempada nas competicións nacionais de fútbol e fútbol sala con público nas bancadas, un extremo que desde os equipos vían con bos ollos ante a importancia do apoio dos seus afeccionados.

Con todo a Real Federación Española de Fútbol encargouse este mércores de pechar esa posibilidade mediante unha circular informativa, na que confirma que, polo menos as fases de ascenso que están baixo a súa organización, xogaranse "sen a presenza de público e a porta pechada. De conformidade coas recomendacións emitidas polas Administracións Públicas competentes en relación co Covid-19 e a posible autorización da celebración de competicións deportivas con presenza de público", explica o organismo federativo.

Isto afecta directamente a dous equipos da comarca, que seguen  avanzanzo na súa preparación para os play- off que se disputarán a mediados de mes de xullo, como son o Leis Pontevedra e O Fisgón de Marín, aspirantes a subir á Segunda División masculina e Primeira feminina do fútbol sala nacional.

Non así ao Arosa, xa que na Terceira División a pesar de ser de ámbito estatal a responsabilidade está delegada na federación territorial, é dicir, que decidirá a Real Federación Galega de Fútbol sobre a fase de ascenso a Segunda B que terá como sede o estadio vigués de Balaídos.

Con todo a RFEF recomenda ás territoriais que sigan o seu exemplo porque "o recomendable sería que todos os partidos dos play- off exprés se celebren a porta pechada, en aras a evitar os posibles rebrotes do Covid-19".

De feito a Federación Española avisa que as consecuencias que puidesen derivarse da organización de competicións oficiais coa presenza de público por parte das Federacións Territoriais "serán da exclusiva responsabilidade destas", o que fai pouco probable que neste caso o organismo autonómico acabe apostando por permitir a entrada de público á fase de ascenso.