O Fisgón vístese de Galicia para a fase de ascenso a Primeira División

Marín
08 de xullo 2020

O conxunto marinense foi obxecto este mércores dunha recepción oficial por parte do Concello de Marín a poucos días de afrontar a fase de ascenso á máxima categoría do fútbol sala feminino nacional

Recepción a O Fisgón no Concello de Marín
Recepción a O Fisgón no Concello de Marín / O Fisgón Futsal

As follas do calendario van pasando e cada vez queda menos para que O Fisgón Futsal se xogue o ascenso á máxima categoría do fútbol sala nacional, a Primeira División.

O conxunto marinense segue preparándose a conciencia para o play- off que disputará na Coruña, e antes de afrontalo foi obxecto este mércores dunha recepción oficial na que recibiron os ánimos da alcaldesa, María Ramallo, o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

O Fisgón aproveitou a ocasión para ensinar por primeira vez a súa nova 'arma', unha camiseta coa bandeira de Galicia e a catedral de Santiago estampada que espera tráialle a maior das sortes posibles.

"Aproveitamos para ensinar unha cousiña que tiñamos escondida...pronto poderedes vela en grande!", sinalou o club tras o encontro.

A fase de ascenso a Primeira División iniciarase para O Fisgón o sábado 18 de xullo coa semifinal fronte ao Valdetires Ferrol FSF, mentres que o segundo e  definitvo encontro xogaríase unha semana máis tarde ante o Viaxes Amarelle, xa clasificado para a final como primeiro de grupo na liga regular.