A Federación Galega comprométese cos clubs a axudar a financiar os test e a figura do xefe médico

Pontevedra
14 de outubro 2020

A Real Federación Galega de Fútbol mantivo este martes unha xuntanza de traballo cos clubs galegos da Terceira División, categoría que debería dar comezo a próxima fin de semana

Rafael Louzán, na reunión cos clubs galegos de Terceira División
Rafael Louzán, na reunión cos clubs galegos de Terceira División / Real Federación Galega de Fútbol

A sede da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) acolleu o martes unha reunión cos 24 clubs que participarán esta tempada na Terceira División, categoría que debería dar comezo a próxima fin de semana pero que está inmersa nun mar de dúbidas polo temor dos equipos á Covid-19.

No encontro estivo presente o presidente da Federación, Rafael Louzán, os membros da súa xunta directiva, os delegados da RFGF e representantes dos clubs.

O novo formato de competición e o protocolo sanitario foron dous dos temas discutidos entre os presentes.

Segundo informa a Federación, o organismo reitor do fútbol autonómico explicou aos clubs a súa disposición para apoiar o financiamento da nova figura do xefe médico que esixe o protocolo poñendo a disposición dos 128 clubs galegos das categorías de ámbito estatal unha estrutura médica.

Louzán indicou tamén que no referente aos test de Covid, a Federación Española comprometeu unha liña de axudas para o seu financiamento.

CONTRATO COA CRTVG

No encontro cos participantes na Terceira División informouse tamén do acordo alcanzado coa Televisión de Galicia para a retransmisión dos partidos desta  categorúa, e que supoñerá un incremento do 20% da cantidade percibida a pasada tempada.