A Federación Galega entrega ao Pontevedra unha subvención polos dereitos da Copa do Rei

Pontevedra
10 de febreiro 2017

O organismo federativo convocou a unha reunión en Santiago a todos os clubs galegos de Segunda B, a excepción do Celta B por ser filial, e entregoulles os cheques por un valor total aproximado de 100.000 euros

Rafael Louzán diríxese á Asemblea da Federación Galega de Fútbol celebrada en Santiago
Rafael Louzán diríxese á Asemblea da Federación Galega de Fútbol celebrada en Santiago /

Os clubs galegos que militan na Segunda División B, entre eles o Pontevedra, reuníronse este venres en Santiago de Compostela coa Federación Galega de Fútbol tras ser convocados polo seu presidente, Rafael Louzán.

Ademais da entidade granate estaba representado o Racing Club Ferrol, Coruxo FC, CD Boiro e UD Somozas. Só faltaba o Celta B ao tratarse dun filial.

O motivo era a entrega dos cheques correspondentes á subvención polos dereitos da Copa do Rei e "outros conceptos", que ascende a preto de 100.000 euros a repartir entre todos os clubs.

Esta reunión chega poucos días despois de que a Comisión de Clubs convocase unha folga para a xornada do 4 e 5 de marzo na Segunda B e Terceira División precisamente pola repartición do 1% do contrato de dereitos televisivos da Copa.

A reunión celebrouse na sede compostelá da Federación Galega de Fútbol, situada no Estadio Municipal de San Lázaro.