A fiabilidade granate en Pasarón, o principal medo do técnico do Mérida

Pontevedra
13 de abril 2023

Juanma Barrero, que coincidiu con Señor durante a súa etapa no estadio Romano, destaca a verticalidade dos granates no último terzo do campo e a súa agresividade nos balóns divididos

Juanma Barrero, adestrador do Mérida AD
Juanma Barrero, adestrador do Mérida AD / Mérida AD

O bo rendemento en casa do Pontevedra nos últimos partidos como local é a principal preocupación do Mérida de cara ao partido que enfrontará a ambos os dous equipos o sábado en Pasarón ás 19 horas.

O entrenador Juanma Barrero, que coincidiu con Señor no Romano cando o técnico granate adestraba o extinto Mérida e el pertencía aínda ao filial, destacou que coa chegada do heroe do España - Malta ao banco, os granates son agora "máis verticais". Na rolda de prensa previa ao partido, recoñeceu o seu adestrador que o Pontevedra "non só xoga combinativo, que o facían moi ben e ségueno facendo, senón que agora alternan cun xogo máis directo no último terzo".

Neste sentido, destacou a agresividade que imprimiu Señor ao seu equipo. "Esperamos un rival que vai ser moi intenso e con forza desde o principio do partido. Irá aos duelos moi forte, coma se fose a súa última bala. Teremos que contrarrestar ese impetu indo con agresividade e forza", pide aos seus.

A única baixa segura coa que conta Barrero para o partido do sábado é a do lateral esquerdo formado en Valdebebas, David de la Víbora, mentres que o extremo Carlos Cinta será dúbida ata última hora por unha lumbalxia.

O feito de contar case con todo o seu plantel ao completo fai que o adestrador do equipo blanquinegro teña dúbidas para confeccionar un once, sobre todo nas demarcacións de ataque, e dificultades para contentar a xogadores chamados a ser titulares que están a ter moi poucos minutos de xogo.