A fichaxe dun mediocentro para o Pontevedra, en punto morto

Pontevedra
27 de agosto 2021

O adestrador destaca a necesidade do equipo de incorporar un centrocampista titular e con presenza en ambas as áreas, pero senón aparece ese xogador diferencial, Ángel Rodríguez prefire que non chegue ninguén. "Ou marca diferenzas ou prefiro seguir como estou porque non o vou a poñer a xogar", asegura.

Partido de pretempada entre Pontevedra e Racing de Ferrol
Partido de pretempada entre Pontevedra e Racing de Ferrol /

O Pontevedra dispón dunha ficha sénior libre e só a ocupará se atopan un xogador que se axuste ao que pide o adestrador Ángel Rodríguez. O cadro granate precisa dun mediocentro de gran poderío físico, con presenza en ambas as áreas, con experiencia na categoría e que chegue a Pasarón coa etiqueta de titular indiscutuble. Con todo, a procura está a resultar complicada.

O preparador recoñece que o asunto está "estancado", aínda que puntualiza que nos dous últimos días de mercado a situación podería desbloquearse. "Estes últimos días son dos que non hai anda e de golpe aparecen unha chea de posibilidades. Hai xogadores de 1ª RFEF que non van entrar en Segunda e vai haber un corte, como fichas de dominó van ir caendo xogadores a categorías inferiores. As últimas 48 horas van ser frenéticas", augura Rodríguez.

Nese contexto, o técnico leonés aspira a que o conxunto de Pasarón faga valer a súa condición dun dos cocos da 2ª RFEF. "Nesta categoría, o Pontevedra ten que estar preparado para fichar a eses xogadores e entendemos que o xogador sempre vai pensar nun equipo como o Pontevedra antes que noutros clubs", afirma. 

Con todo, se ese desexado centrocampista non aparece, non haberá máis fichaxes. "Se traemos algo, ten que mellorar o que temos abaixo, senón é inncesario facer gastar diñeiro ao club porque non o vou a poñer a xogar. Ou marca diferenzas ou prefiro seguir como estou", subliña Rodríguez, aínda que remarca que "necesitamos ese xogador". 

Sobre as tres fichas sub 23 sen asignar, a intención do club é cubrilas con xogadores das categorías inferiores e, a falta de catro días para o peche do mercado, esa idea non variou. O que aínda non está decidido é o nome dos tres xogadores que pasarán a ter ficha co primeiro equipo.