A Fiscalía non formula acusación contra o ex-granate David Goldar no xuízo ao celtista Santi Mina por presunta agresión sexual

Pontevedra
02 de xuño 2021

O defensor de Portas, que milita actualmente no Ibiza, foi proposto pola Fiscalía simplemente como testemuña, segundo informa a axencia EFE. Santi Mina enfróntase a unha petición de oito anos de prisión por uns feitos que se remontan ao verán de 2017

David Goldar, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira
David Goldar, nun adestramento do Pontevedra na Xunqueira / Mónica Patxot

A Sección Terceira da Audiencia Provincial de Almería acollerá a vista oral contra o futbolista Santi Mina, que actualmente milita no Real Club Celta de Vigo, por unha presunta agresión sexual.

O dianteiro vigués enfróntase a unha petición de oito anos de prisión uns feitos que se produciron en Almería en xuño de 2017. 

A falta de que a defensa do futbolista presente o seu escrito de defensa, e segundo sinala a axencia EFE, a Fiscalía deixou finalmente fóra da acusación a David Goldar, ex-xogador do Pontevedra Club de Fútbol que naquel momento acababa de asinar coa entidade granate. O defensor de Portas, agora mesmo no Ibiza recentemente ascendido á Segunda División, foi proposto unicamente como testemuña para a vista oral, a pesar de que a finais de 2019 o Xulgado de Instrución número 1 de Vera (Almería) acordase incoar sumario por unha presunta agresión contra ambos os futbolistas.

Segundo sinalaba no seu momento a denuncia da vítima, a muller tería pasado a noite con David Goldar nun local de lecer accedendo voluntariamente a marchar con el a unha caravana. Alí, segundo o testemuño da moza, Santi Mina tería aparecido espido e efectuándolle tocamentos en presenza do seu amigo, a pesar da oposición da denunciante.

Por ese motivo, e aínda que a acusación principal xiraba ao redor de Santi Mina, Goldar foi investigado no caso como presunto colaborador ou por omisión do deber de socorro.

Segundo EFE, e referíndose ao escrito do Ministerio Público, como consecuencia da presunta agresión a muller presentaría unha depresión grave e sintomatoloxía ansiosa froito dunha tensión postraumática crónica.

Ademais dos 8 anos de prisión para o xogador do Celta de Vigo, por entón nas filas do Valencia, tamén se solicita unha orde de afastamento de 500 metros durante dez anos, unha indemnización e que se lle impoña liberdade vixiada durante outros dez anos ao futbolista.