A Gimnástica afronta con ilusión a súa participación na Copa do Rei de atletismo

Pontevedra
28 de xaneiro 2016

O equipo masculino do club pontevedrés acode este sábado 30 de xaneiro a Valencia para participar, por quinto ano consecutivo, na prestixiosa competición atlética baixo teito

Darío Costas, Víctor Gallego, Alfonso Pérez e Álex Solla, atletas da Gimnástica
Darío Costas, Víctor Gallego, Alfonso Pérez e Álex Solla, atletas da Gimnástica / Sociedad Gimnástica

Mellorar o cuarto posto logrado en 2012 antóllase moi complicado, pero con esa ilusión viaxa a Gimnástica a Valencia para participar na XXXV Copa do Rei de Atletismo.

O equipo masculino do club pontevedrés tomará parte da prestixiosa competición atlética baixo teito por quinto ano consecutivo, na que se reunen os oito mellores equipos do ránking.

A competición terá lugar o vindeiro sábado 30 de xaneiro no Velódromo Lluis Puig de Valencia desde as 16:30 horas.

Serás 12 probas, máis a remuda 4x200, cun só atleta inscrito en cada unha delas, polo que un erro penalizará sobre a clasificación final do resto do equipo.

A dirección técnica da Gimnástica inscribiu a Gonzalo Sánchez-Camacho (60 metros), Alberto Salcedo (200 metros), Eduardo Gallardo (400 metros), Alberto Guerrero (800 metros), Jorge Puig (1.500 metros), David Martínez (3.000 metros), Julián Ortiz (60 valos), Lysvanys Pérez (altura), Santi Ferrer (pértega), David Ferrer (lonxitude), Ricardo Gayá (triplo salto) e Víctor Gallego (peso).

Ademais, o relevo correrano Alberto Salcedo, Gonzalo Sánchez-Camacho, Eduardo Gallardo e Alberto Guerrero.

En función das marcas que cada atleta ten, a principal opción de triunfo parcial será Alberto Salcedo, que chega co mellor tempo entre os participantes en 200 metros. Ademais aspiran a podio parcial Alberto Guerrero nos 800 metros, Lysvanys Pérez en altura, David Martínez nos 3.000 e Julián Ortiz nos 60 valos.

Competirán en Valencia xunto a Gimnástica o FC Barcelona, Playas de Castellón, CA Fent Cami Mislata, Simply-Scorpio 71, A.D. Marathon, Grupompleo Pamplona e Tenerife CajaCanarias.