Fantástico cuarto posto da Gimnástica na Copa do Rei de atletismo

Pontevedra
31 de xaneiro 2016

O equipo masculino pontevedrés igualou en Valencia a súa mellor clasificación histórica na prestixiosa competición, na que se reunen os oito mellores equipos do ránking nacional

Equipo da Gimnástica que competiu na Copa do Rei 2016 en Valencia
Equipo da Gimnástica que competiu na Copa do Rei 2016 en Valencia /

O equipo masculino da Sociedad Gimnástica igualou en Valencia a súa mellor clasificación nunha Copa do Rei, cun fantástico cuarto posto.

O cadro pontevedrés realizou un notable papel e nin a accidentada viaxe a terras valencianas, na que houbo que esperar sete horas pola saída do seu voo en Santiago de Compostela, evitouno.

Na prestixiosa competición baixo teito se reunen os oito mellores equipos do ránking, sendo o triunfo nesta ocasión para o Playas de Castellón (94 puntos), seguido do FC Barcelona (86) e Fent Cami Mistala (60).

Tras eles situouse a Gimnástica (51 puntos) nunha dura batalla co AD Marathon madrileño (50,5) e Grupompleo Pamplona (49,5). Sétimo foi Scorpio de Zaragoza (40 puntos) e oitavo o Tenerife CajaCanarias (32).

O cadro pontevedrés tivo que afrontar a ausencia de última hora de Ricardo Gayá en triplo salto, competindo no seu lugar Jon Alonso cunha sétima praza.

Os mellores resultados foron o triunfo parcial de Alberto Salcedo nos 200 metros e o segundo posto de Lysvanys Pérez en salto de altura, cunha marca de 2,16 metros que supón record do club. 

Non houbo máis podios, pero a maioría de atletas situáronse entre o cuarto e o sexto posto, sen grandes tropezos que penalizan moito nesta competición. De feito o cuarto posto conseguiuse grazas ao papel do relevo 4x200, que gañou a súa serie cun tempo de 1.29.79 e aproveitou o erro do Marathon nunha mala entrega da testemuña.

Consulta aquí os resultados en cada unha das probas.