A Gimnástica e o Concello impulsan un novo circuíto de atletismo en pista

Pontevedra
27 de abril 2021

A primeira proba do circuíto será o tradicional Trofeo  Boa Vila, que se desenvolverá este mércores 28 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva coa presenza de ao redor de 270 atletas de diferentes idades

Presentación do circuíto de atletismo en pista impulsado pola Ximnástica e o Concello Mónica Patxot

Pontevedra contará esta tempada deportiva cun novo circuíto de atletismo en pista, impulsado pola Sociedad Gimnástica e o Concello de Pontevedra.

"Trátase de dar un formato común a probas que xa estaban no calendario", explicou en rolda de prensa o concelleiro de Deportes, Tino Fernández.

"A idea é dar cabida aos atletas da escola do clube, que teñan a oportunidade de competir, e logo aos máis maiores que teñan un estímulo competitivo para preparar os futuros campionatos", sinalou á súa vez Santi Ferrer, representante da Gimnástica.

Trátase ademais de probas arraigadas no calendario, "algunha con máis de 40 anos", engade Ferrer.

A primeira delas non se fará esperar, e é que se disputará este mércores 28 de abril no Centro Galego de Tecnificación Deportiva a partir das 17.30 horas. Será o XLVII Trofeo Boa Vila de Atletismo no que participarán ao redor de 270 deportistas desde a categoría sub-10 ata a absoluta.

Despois chegarán o 19 de maio o XLV Trofeo Sociedad Gimnástica, o 2 de xuño o XXVI Trofeo Cidade de Pontevedra e o 16 de xuño o XXII Memorial Celso Mariño.