O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, decidiu retirar da orde do día do próximo pleno municipal, previsto para o 22 de xuño ás 11.00 horas, o punto relativo ás alegacións presentadas polo Concello ao Plan de Interese Autonómico (PIA) de San Amaro.
A decisión prodúcese este mércores na Xunta de portavoces despois de que o Partido Popular votase en contra destas alegacións durante a comisión informativa previa, unha circunstancia que o rexedor interpreta como unha mostra de discrepancia interna entre os responsables populares de ámbito local e autonómico.
As alegacións municipais ao PIA foron aprobadas o pasado xoves pola Xunta de Goberno Local. Segundo explicou o alcalde, trátase de observacións de carácter técnico destinadas a corrixir erros detectados na documentación e a mellorar determinados aspectos do proxecto urbanístico.
Fernández Lores mostrou a súa sorpresa pola posición adoptada polo PP durante a comisión de pleno, aínda que lembrou que os populares xa rexeitaran anteriormente o propio PIA nunha sesión plenaria previa.
O alcalde criticou que o voto en contra se producise sen que ofrecer unha explicación pública sobre os motivos desa decisión.
Ante a falta de consenso, o rexedor optou por retirar o asunto do pleno. Segundo explicou, o Concello afai levar á corporación aqueles asuntos considerados estratéxicos para a cidade co obxectivo de lograr o máximo respaldo político posible, especialmente cando afectan o interese xeral.
Neste contexto, Fernández Lores fixo un chamamento directo ao Partido Popular para que unifique criterios sobre o desenvolvemento de San Amaro.
O alcalde sinalou expresamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda; á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e ao portavoz municipal do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, a quen instou a acordar unha posición común sobre a iniciativa. "Ademáis os tres son veciños de Pontevedra", destacou.
O rexedor defendeu a relevancia estratéxica do PIA de San Amaro, ao que cualificou como a maior actuación urbanística exposta na historia recente da cidade. Ao seu xuízo, o proxecto responde á necesidade de incrementar a oferta de vivenda pública e permitirá unha ampliación urbana coherente co modelo de cidade compacta que defende o goberno municipal.
No entanto, insistiu en que o desenvolvemento debe garantir plenamente os dereitos dos propietarios e veciños afectados. Neste sentido, reiterou a necesidade de que as compensacións económicas sexan "xustas", aínda que subliñou que esta circunstancia non debe impedir o avance dunha actuación que considera fundamental para o futuro de Pontevedra.
A pesar da retirada do punto da orde do día, as alegacións municipais xa foron formalmente presentadas ante a Xunta de Galicia. O alcalde precisou que foron aprobadas pola Xunta de Goberno Local e remitidas pola Concellaría de Urbanismo mediante o procedemento administrativo ordinario.
O goberno local confía en que a administración autonómica acepte estas observacións, ao considerar que se limitan a cuestións técnicas, melloras do proxecto e correccións de erros materiais detectados na documentación.
Resposta do PP
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, criticou a decisión do goberno local de non levar ao Pleno a proposta relacionada co proxecto cuestionado polos veciños, ao considerar que o executivo municipal evita sometela a votación ante a posibilidade de perder o respaldo necesario, xa que o PSOE se abstivo na votación e o BNG non conta cos apoios necesarios para sacala adiante.
"Como saben que lo van a perder, no lo llevan al Pleno", asegurou Domínguez, quen afirmou que a súa formación mantivo contactos cos residentes afectados para coñecer a súa opinión sobre a iniciativa.
Segundo explicou o portavoz popular, as principais reticencias veciñais céntranse en dúas cuestións. Por unha banda, os veciños están en desacordo co modelo de plataforma única que se expuxo inicialmente. Por outro, mostran preocupación pola construción dun vial que, ao seu xuízo, podería facilitar no futuro a instalación dunha incineradora na zona.
Domínguez sinalou que o Partido Popular comparte estas inquedanzas e defendeu que, se o goberno municipal tiña intención de desenvolver a actuación, "lo podrían haber hecho antes". Así mesmo, insistiu en que o asunto debería debaterse no Pleno municipal e sostivo que a decisión de non levalo a este órgano evidencia, na súa opinión, que o executivo local "no es capaz" de sacar adiante a proposta.