O goberno municipal quixo fixar este venres a súa postura achega do debate que se producirá no próximo pleno respecto do polígono residencial que a Xunta proxecta en San Amaro, tras as propostas presentadas por PSOE e PP.
O edil da área de urbanismo, Alberto Oubiña, avanzou que o BNG presentará unha emenda de substitución á moción socialista pedindo "recuperar a unanimidade" que houbo sempre respecto desta promoción de vivenda pública.
O obxectivo, segundo o concelleiro nacionalista, é evitar que se poida frear o desenvolvemento deste PIA, unha actuación que o Concello considera "estratéxica e fundamental" para a cidade ante a necesidade de construír máis vivendas protexidas.
"Frear o PIA sería un erro. Suporía perder un tren que non sempre pasa por diante", subliñou Oubiña, que considera "irresponsable" non apoiar este proxecto.
Pero, ao mesmo tempo, o BNG entende que se debe trasladar un apoio "sen fisuras" aos afectados, especialmente aos propietarios das trece vivendas que serán expropiadas para poder desenvolver urbanisticamente todo este ámbito.
Desde o executivo pontevedrés reiteran que "hai que pagarlle ben á xente o que é seu", polo que reclaman que a Xunta negocie cos afectados "compensacións xustas".
O Concello móstrase "disposto a colaborar" para que ambas as partes cheguen a un acordo que sexa satisfactorio. "Fronte ao ruído e ao barullo buscaremos solucións aos problemas que existen", garantiu o responsable municipal de urbanismo.
Seguir adiante coa tramitación do PIA "é positivo", reiterou Alberto Oubiña, que considera que existe "suficiente marxe de manobra" aínda para que, sen paralizar este proxecto, os afectados poidan recibir as axeitadas compensacións.
Para iso, Oubiña desvelou que existen "contactos constantes" coa Xunta para buscar unha saída negociada a este conflito.
En todo caso, avanzou que no pleno municipal do próximo luns o BNG apoiará calquera iniciativa política que supoña "avalar á veciñanza" de San Amaro pero sen que iso provoque "frear o desenvolvemento da cidade".