A Gimnástica inicia as ligas nacionais con senllos terceiros postos

Pontevedra
29 de abril 2018

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva acolleu un dos grupos de competición na Primeira Nacional Feminina, mentres que o equipo masculino do club pontevedrés desprazouse a Xetafe na División de Honra

Xornada da Primeira División Feminina 2018 de atletismo no CGTD
Xornada da Primeira División Feminina 2018 de atletismo no CGTD / Mónica Patxot

A Sociedad Gimnástica de atletismo afrontou esta fin de semana o inicio da competición nas ligas nacionais, e fíxoo acollendo durante a mañá do domingo un dos encontros da Primeira División Feminina.

No Centro Galego de Tecnificación Deportiva o campión da xornada foi o gran favorito, o recentemente descendido Piélagos cántabro (220 puntos), sendo segundo o Atletismo Feminino Celta (197,5 puntos), terceiro a Gimnástica (145 puntos) e cuarto e último o CEA Tenerife 1984 (122,5 puntos).

As pontevedresas sumaron tres triunfos parciais, grazas ás actuacións de Andrea González (xavelina), Lucía Seijas (altura) e Marta Fernández (400 valos).

Consulta aquí os resultados completos da xornada de Primeira División Feminina disputada no CGTD.

Idéntico resultado, unha terceira posición, logrou o equipo masculino da Sociedad Ximnástica en Xetafe, escenario da súa estrea este ano na División de Honra.

 O Fent Camí Mislata foi o gañador do encontro con 211 puntos, seguido da AD Marathon (182 puntos), a Gimnástica (150 puntos) e o Unicaja Atletismo (135 puntos).

No seu caso os mozos lograron un único triunfo parcial, o conseguido por Ignacio Sarmiento nos 400 valos, pero tamén sumaron seis segundos postos por medio de Alberto Salcedo (100 metros lisos), Alberto Guerrero (1.500 metros), Anxo Blanco (triplo salto), Víctor Gallego (disco) e a remuda 4×400 formado por Eduardo Gallardo, Roberto Tello, David Abalde e Ignacio Sarmiento.

Consulta os resultados completos da primeira xornada da División de Honra de Atletismo na que participou a Gimnástica.