Misión cumprida. O equipo masculino da Sociedad Gimnástica seguirá competindo a próxima tempada na División de Honra de Atletismo, e non só iso, senón que no que queda de torneo loitará polo título ao meterse entre os oito mellores equipos.
Os pontevedreses repetiron este sábado en Burgos o segundo posto de grupo logrado na xornada inicial e clasifícanse para a final polo campionato, asegurando de paso a permanencia pola vía rápida.
En Burgos cumpríronse os prognósticos, cun Fútbol Club Barcelona inalcanzable para o resto, que finalizou con 249 puntos. Segundo foi a Gimnástica con 187,5 puntos, superando con claridade a Cueva de Nerja (157 puntos) e Universidad de Burgos (88,5).
Os atletas do club pontevedrés raiaron a gran altura conseguindo catro triunfos parciais, os de Alberto Salcedo (200 metros), Alberto Guerrero (800 metros) Lysvanys Pérez (altura) e Víctor Gallego (disco).
Ademais foron segundos nas súas probas David Martínez (1.500 metros), Ignacio Sarmiento (400 valos), David Ferrer (lonxitude), Lysvanys Pérez (triplo salto), José Manuel Vila (xavelina) e Víctor Gallego (peso). Subiron ao podio en terceira posición David Martínez (3.000 metros), Sergio Paredes (martelo), Manuel Castellanos (xavelina), Francisco Javier Guzmán (disco), Álex Flórez (5.000 marcha) e as remudas 4x100 e 4x400.
A final polo título de División de Honra disputarase o próximo 11 de xuño nunha sede aínda por designar.