A Gimnástica pide apoio ao público para a xornada de 1ª División de Atletismo no CGTD

Pontevedra
24 de abril 2018

O equipo feminino do club pontevedrés afronta como local a primeira xornada de liga, o vindeiro domingo 29 de abril, unha competición de nivel que "poucas veces se ve" na cidade, aseguran desde o club

Presentación da xornada de liga da Primeira División de Atletismo
Presentación da xornada de liga da Primeira División de Atletismo / Alejandro Vila

É unha "oportunidade que poucas veces ocorre", asegura Santi Ferrer, e por iso desde toda a Sociedad Gimnástica, coa súa presidenta Charo Castro á cabeza, pediron apoio ao público pontevedrés para a xornada da liga nacional de Primeira División Feminina de atletismo que acollerán no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

A cita, que terá lugar o domingo 29 de abril desde as 9:30 horas da mañá (entrada de balde), supoñerá o arranque ligueira na segunda tempada consecutiva do equipo pontevedrés na categoría.

"Enfrentámonos a tres equipos de certo nome", recoñece Ferrer, como son o Piélagos cántabro, equipo recentemente descendido da máxima categoría, o Atletismo Celta e o CEA Tenerife, e a Gimnástica faino cun equipo "moi xoven, con 90% de atletas da canteira".

O obxectivo do club, por encima de todo, é lograr a permanencia na categoría, pero loitará por igualar o resultado da pasada campaña, cando se meteron entre os 8 mellores da categoría para pelexar polo ascenso a División de Honra.

Para iso será necesario render a bo nivel nas dúas primeiras xornadas da competición, que se disputarán con dous atletas por proba, e tras as que se realizará o corte de que equipos disputarán o título e cales loitarán por eludir o descenso.

Nesta ocasión a Gimnástica chega co equipo "case ao pleno e esperamos non fallar", sinalou un dos responsables técnicos do club.

As pistas do  CGTD non acollen unha xornada das ligas nacionais de atletismo desde o ano 2008, cando o fixese na División de Honra Masculina. Tamén os mozos, que seguen na máxima categoría, competirán a próxima fin de semana na primeira xornada de liga, no seu caso desprazándose a Madrid para enfrontarse ao AD Marathon, Fent Camí Mislata e Unicaja Atletismo.