A Gimnástica reforza o seu equipo masculino con tres lanzadores e tres corredores

Pontevedra
24 de decembro 2021

Especialistas no lanzamento de martelo, xavelina, disco e en carreiras de medio fondo e valos chegan para suplir a marcha de doce atletas e contribuír a manter ao equipo en División de Honra

Equipo masculino da Gimnástica na Copa de España Sociedad Gimnástica de Pontevedra

A Sociedad Gimnástica de Pontevedra pecha o seu equipo masculino de cara a tempada 2022 con seis integrantes novos que axudarán a reforzar as probas máis débiles, marcadas por saídas de atletas, como son os lanzamentos, as probas de medio fondo e valos co obxectivo de manterse en División de Honra.

Para o sector dos lanzamentos chegan tres caras novas, tres especialistas para as probas de martelo, xavelina e disco. Procedente do AD Marathon e nado no Barco de Valdeorras, Carlos Revuelta xa sabe o que é adestrar en Pontevedra. Ademais chega no seu mellor momento, despois de asinar a súa mellor marca persoal de 63,95 metros en lanzamento de martelo.

Jonathan Correa, era o xavalinista do RC Celta e vixente campión galego da disciplina cunha mellor marca de 59,49 metros. Mentres que o discóvolo Manuel Anxo Simón é sub 23 e procede do Unión Atlética Veciñanza Agüimes. Natural de canarias, logrou o bronce o último campionato de España sub 20 e no 2020 asinou a súa mellor marca, 47,81 metros.

Outra incorporación para a nova tempada é o coruñés Pablo Bocelo, especialista e actual campión galego nos 1.500 metros listos. Pablo Otero, galego que compite con licenza cántabra, procede do Atletismo Torrelavega e desenvólvese con soltura en diferentes probas, desde o 800 ata os 10.000 metros.

Pecha o capítulo de altas Lucas Lorenzo, un novo atleta sub 23 da Escola Atlética Lucense e vixente subcampión galego en 110 m valos e bronce en 100 metros lisos en categoría sub20. 

As incorporacións chegan para suplir as baixas de Carlos Argibay, Denis Galán, Alberto Salcedo e José Manuel Vila, que deixan o club por motivos persoais. A outros clubs para seguir medrando como atletas vanse Edgar Capdevila, Roberto López, Diego Casas, Raúl Cortizo, Alberto Pérez, Roi Surribas, Yago Boleas e Sergio Paredes.