A Gladiator Race suspende definitivamente a súa edición de 2020 en Pontevedra

Pontevedra
28 de setembro 2020

Finalmente a evolución da pandemia non permitirá a celebración da popular carreira por obstáculos, que este ano cumpría a súa sexta edición en Pontevedra e que fora reprogramada para o próximo 10 de outubro tras no terse podido celebrar en xuño

IV Gladiator Race na Illa das Esculturas Paula Sanmartín

Nin no mes de xuño nin no de outubro. Finalmente a Gladiator Race non terá edición 2020 en Pontevedra.

A popular carreira de obstáculos, que non se puido celebrar inicialmente no mes de xuño debido ao Estado de Alarma, viuse obrigada a cancelar a proba que fora reprogramada no calendario para o próximo 10 de outubro.

"Está a ser un ano duro para todas as persoas que realizamos eventos, pero non perdemos as ganas e esperamos que a situación mellore para volver con aínda máis forza o próximo 2021", explicou nun breve comunicado a organización, confirmando que nos próximos días procederán a devolver as cotas de inscrición abonadas.

De novo a situación sanitaria, con Pontevedra catalogada como zona de especial restrición pola Xunta de Galicia, impide a celebración da Gladiator, un evento que en 2019 congregou preto de 1.700 deportistas no seu espectacular percorrido na Illa das Esculturas.

Nesta ocasión, a pesar da incerteza, a carreira de obstáculos contaba a día de hoxe con 433 participantes confirmados.