A hora da verdade para Bea Gómez

Pontevedra
25 de marzo 2015

A nadadora pontevedresa buscará dende o sábado 28 ata o martes 31 en Málaga a súa clasificación para o Mundial de Kazan (Rusia). Outros catro deportistas do Galaico acoden ao Campionato de España Open de Primavera

Bea Gómez durante o Campionato de España Open en Ponte Muíños Diego Torrado

Rematou a preparación. Bea Gómez Cortés afronta esta fin de semana en Málaga unha das citas claves da tempada, o Campionato de España Open de Primavera (de sábado 28 a martes 31 de marzo).

Trátase da competición na que a pontevedresa deberá lograr as marcas mínimas esixidas para participar no Campionato do Mundo de Kazan (Rusia), principal obxectivo da tempada.

Xa non hai marxe de erro e a nadadora do Galaico, que se achegou aos seus mellores rexistros nas súas últimas competicións, buscará o pasaporte mundialista cun calendario de competición que considera cinco probas.

Bea nadará na xornada inaugural de sábado os 800 libre, distancia na que é unha das favoritas ao podio, ao igual que nos 400 estilos que afrontará o domingo.

Na mesma xornada dominical a pontevedresa está inscrita nos 200 libre, completando o seu programa o luns cos 200 estilos e o martes cos 400 libre.

CATRO DEPORTISTAS MÁIS DO GALAICO NO OPEN

O Club Natación Galaico contará con máis representación no Open de Primavera, ao que acode con outros catro deportistas.

O programa máis completo afrontarao Paula Goyanes, que nadará os 200, 800 e 1.500 libre, 200 e 400 estilos e os 200 bolboreta. Pola súa banda Daniel Sánchez participará nos 800 e 1.500 libre, os 50 e 100 costas e os 400 estilos.

Completan o equipo Alicia Conde nos 400 libre e Cristian Fernández nos 800 libre.