A hora de Pablo López, o único granate que queda por debutar

Pontevedra
11 de maio 2022

"Levo dous anos adestrando co equipo e confío en que por fin me chegue a oportunidade de debutar, faime unha ilusión enorme", afirma o canteirán, que aínda non se recuperou por completo dunha escordadura de nocello

Pablo López, xogador do primeiro equipo do Pontevedra CF
Pablo López, xogador do primeiro equipo do Pontevedra CF / Cristina Saiz

O Pontevedra ten o ascenso a Primeira RFEF moito máis que atado. Lográrono os granates cunha xornada de marxe, pero non foi un obxectivo fácil de alcanzar. Os de Ángel Rodríguez foron a rebufo do Unión Adarve a maior parte da liga e as vitorias, a pesar de ser o cuarto equipo da categoría con máis triunfos, non foron tan folgadas como para repartir minutos entre os menos habituais.

Por fortuna, tampouco as lesións obrigaron ao corpo técnico a realizar grandes rotacións. Así, xogadores que iniciaban a campaña xa co rol de reservas como Pacheco, Iñaki, Valentín, Samu Santos ou Santi Figueroa viviron a maior parte da tempada dacabalo entre o banco e a bancada.

Pero é un dos novos canteiráns o que merece este ano o premio á paciencia. O lateral esquerdo Pablo López aínda non sabe o que é debutar co primeiro equipo en partido oficial e, agora que o equipo xa logrou o obxectivo, confía en que chegue o seu momento. "Levo dous anos adestrando co equipo e confío en que por fin me chegue, faime unha ilusión enorme", confesa o defensor.

No momento de asinar o seu contrato como xogador do primeiro equipo xa era consciente de que o seu papel nos plans de Ángel Rodríguez ía ser testemuñal, aínda así non deixou de traballar duro para convencer o técnico. "Sabía que non ía ter minutos, pero a ilusión de estar aquí fixo que non baixase os brazos. Nunca deixei de esforzarme como o que máis", declara satisfeito do seu traballo ao longo dunha tempada que non dubida en cualificar, no plano persoal, como "moi difícil".

A pesar de non ter protagonismo no terreo de xogo, algo ao que non estaba afeito pois o ano pasado co filial de Moreira era titular habitual, está seguro López de que agora é un xogador e unha persoa "moito máis maduro". Foi precisamente o seu exentrenador, agora axudante de Ángel Rodríguez no primeiro equipo, o que máis o animaba nos momentos máis complicados da campaña.

O técnico aínda non pensou no once que saltará o domingo ao céspede da Nueva Balastera, pero todo apunta a que haberá rotacións. Tanto porque o obxectivo está case conseguido, como polas lesións dalgúns habituais. E é neste contexto no que o lateral de 22 anos espera poder gozar dos seus primeiros minutos co equipo do seu corazón. 

O seu estado físico non é o mellor, pero Pablo López está disposto a forzar por facer realidade un soño que persegue desde neno. Hai catro semanas, nun lance dun adestramento co seu compañeiro Samu Araújo, López torceu o nocello e sufriu unha escordadura de grao 2 con afectación ao ligamento do que aínda non está completamente recuperado.

"Eu quero forzar, xa pasou un mes, falei cos fisios e pódenme infiltrar. Así que se o míster quere contar comigo, estarei dispoñible", afirma convencido de que pode ser unha das súas últimas oportunidades de debutar co Pontevedra.

O próximo ano deixará de ocupar ficha sub 23 e coa esixencia da Primeira RFEF é sabedor de que "as fichas sénior van estar moi cotizadas". Aínda así, el non pecha a porta para seguir vestido de granate. "No verán comprometinme co Pontevedra e estou moi agradecido, tiven ofertas para saír en Nadal pero non quixen porque dera a miña palabra", lembra o futbolista, disposto a "asinar xa" por seguir un ano máis en Pasarón.