A I Subida a Ponte Caldelas, a punto

Ponte Caldelas
11 de agosto 2016

A proba, que se celebrará os días 20 e 21 de agosto na estrada que une Laxoso con Aguasantas, foi presentada este xoves na sede da Deputación. A organización pide colaboración do público para garantir a seguridade

Presentación da I Subida Concello de Ponte Caldelas
Presentación da I Subida Concello de Ponte Caldelas / PontevedraViva

A estrada que une Laxoso con Aguasantas, a PO-234, é o lugar elixido para a I Subida Concello de Ponte Caldelas, que se celebrará os días 20 e 21 de agosto.

A organización, a cargo da escuadra Buxa Motor Poio, aproveitou a presentación da proba este xoves na Deputación para pedir a colaboración do público co obxectivo de garantir a seguridade, solicitando que "respecten as normas" e sitúense nos lugares habilitados.

Ademais no circuíto, cualificado de "una subida rápida y técnica" polo piloto Alexis Viéitez, instalaranse tres 'chicanes' para reducir a velocidade dos participantes e evitar grandes riscos. Estarán instaladas na recta de Laxoso, fronte á Casa da Cultura e pouco antes de meta, nun cambio de rasante.

"Esperemos que sexa a primeira de moitas", sinalou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, disposto a seguir apostando pola cita automobilística no futuro.

Ao estar incluída dentro do Campionato Galego de Montaña, espérase a participación dos mellores especialistas autonómicos, aínda que a inscrición permanence aberta.

No programa de competición figuran tres mangas durante a tarde do sábado, desde as 15:30 horas, e outras tres o domingo, desde as 9:30 horas.