Alexis Viéitez, vencedor da I Subida a Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
22 de agosto 2016

O piloto da escuadra Buxa Motor Poio confirmou os prognósticos e dominou a carreira desde a primeira manga da competición, mantendo durante a segunda xornada a vantaxe adquirida nas súas primeiras pasadas. Satisfacción en Ponte Caldelas pola alta asistencia de público

I Subida a Ponte Caldelas
I Subida a Ponte Caldelas / Diego Torrado

A I Subida a Ponte Caldelas completou este domingo a súa primeira edición, con éxito de público e con Alexis Viéitez como dominador.

O piloto da escuadra organizadora, Buxa Motor Poio, cumpriu os prognósticos e dominou a carreira desde a primeira manga, conservando durante a segunda xornada a vantaxe adquirida o primeiro día.

Completadas as seis pasadas ao circuíto de 3,7 quilómetros habilitado na estrada de Laxoso, Viéitez avantaxou en 11.557 segundos a Jesús Pombo (Congostra Team Sanenxo) e en 12.708 segundos a Jacobo Sobral (Intengral Motor Sport), que lle acompañaron no podio absoluto.

Na proba, puntuable para o Campionato Galego de Montaña, participaron un total de 38 vehículos, dos que concluíron a carreira unha trintena. Consulta aquí a clasificación final.

SATISFACCIÓN POLA AFLUENCIA DE PÚBLICO

O Concello de Ponte Caldelas trasladou á escuadra organizadora a súa satisfacción pola estrea da proba e polas cifras de asistencia, xa que calculan achegáronse ata Laxoso "unhas 7.000 persoas".

A maior parte de afeccionados congregouse en Ponte Caldelas durante a xornada de sábado, na que se calcula acudiron a gozar da subida preto de 5.000 persoas.

Coa experincia positiva da estrea da carreira e os datos de ocupación e asistencia na man, o goberno local confirma xa que "a deste ano vai ser a primeira de moitas edicións da Subida a Ponte Caldelas".