A Subida a Ponte Caldelas terá segunda edición en agosto

Ponte Caldelas
14 de febreiro 2017

A competición automobilística, incluída no Campionato Galego de Montaña, celebrarase os días 12 e 13 de agosto na estrada de Laxoso, aínda que a organización traballa nun percorrido alternativo por se a Xunta de Galicia acomete a reforma da estrada PO-234

I Subida a Ponte Caldelas
I Subida a Ponte Caldelas /

Despois do éxito da súa primeira edición, con máis de 7.000 espectadores entre os dous días de competición, Ponte Caldelas apostará por darlle continuidade á súa Subida Automobilística.

A proba, incluída dentro do Campionato Galego de Rally de Montaña, celebrarase os días 12 e 13 de agosto en Laxoso, adiantando unha semana a data con respecto á súa primeira edición.

É polo menos a intención da organización, a cargo da Escudería Buxa Motor, que se reuniu con responsables municipais para empezar a preparar a cita e que pretende repetir o circuíto de 3,7 quilómetros desde Laxoso, na estrada PO-234.

Incluiranse só pequenas modificacións en zonas como a saída, ampliando a zona de concentración e boxes ao esperar unha participación de máis de medio cento de pilotos

En todo caso, pensando en que a Xunta poida iniciar a demandada reforma da PO-234 "xa temos unha alternativa prevista" para que a subida se poida celebrar igualmente, confirmou o alcalde Andrés Díaz.