Alexis Viéitez repite triunfo na Subida a Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
14 de agosto 2017

Na segunda edición da proba automobilística o piloto da Escuadra Buxa Motor Poio volveu subir ao alto do podio ao ser o máis rápido nos dous días de competición con 4,5 segundos de vantaxe sobre Pablo Rey

Alexis Viéitez na II Subida a Ponte Caldelas
Alexis Viéitez na II Subida a Ponte Caldelas / Diego Torrado

A Subida a Ponte Caldelas só coñece un gañador na súa curta vida. Ese é Alexis Viéitez (Buxa Motor Poio) que repetiu na segunda edición da proba o triunfo de hai un ano e fíxoo con autoridade.

A vitoria de Viéitez fraguouse nas dúas mangas de competición do sábado, nas que logrou unha importante vantaxe. Tamén na xornada dominical dominou a terceira pasada ao tramo cronometrado e só na última rolda non logrou o mellor tempo de entre o medio cento de participantes inscritos.

Ao final Alexis Viéitez superou en 4,5 segundos ao segundo clasificado, Pablo Rey (T.Martínez Racing), mentres José Lorenzo (Desguaces Tino Racing) subiu o terceiro chanzo do podio ao superar nunha apertada pugna a Jesús Pombo.

Pola súa banda Víctor Magariños (Porsche) foi o primeiro dos vehículos carrozados, superando por só un segundo a Manuel Senra (Peugeot 306 Maxi).

O espectáculo da II Subida a Ponte Caldelas congregou numeroso público durante as dúas xornadas da carreira no trazado de 3,9 quilómetros situado na estrada PO-234 en Laxoso.

Consulta aquí a clasificación final oficial da carreira.