O Pontevedra Club de Fútbol iniciará a súa última batalla polo ascenso nun escenario de Primeira División.
O Real Betis Balompé confirmou que abrirá o Estadio Benito Villamarín para o duelo do próximo domingo 26 de maio (17.00 horas) entre o seu filial e o conxunto granate, no choque de ida da última eliminatoria do play-off.
Será ademais un duelo con entrada de balde para o público, tanto socios como non socios do Betis (e por tanto tamén para a afección pontevedresa) ata completar o aforo dispoñible, debido a que só se abrirá a bancada de Tribuna do estadio sevillano.
Ata o de agora o Betis Deportivo afrontaba os seus partidos na Ciudad Deportiva Luis del Sol, con capacidade soamente para 1.300 afeccionados. Así foi tamén no primeiro cruzamento do play-off contra o CE Europa.
Outra boa noticia para os seguidores pontevedreses é que o choque será retransimitido en directo pola segunda canle da Televisión de Galicia, segundo confirmou o programa En Xogo.
AUTOBÚS DE AFECCIONADOS
Para facilitar o desprazamento de seguidores, o Pontevedra anunciou ademais a organización dunha viaxe en autobús para presenciar o encontro en Sevilla, un autocar que partirá ás 0.30 do propio domingo desde o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar ao termo do partido.
O prezo de reserva é de 65 euros incluíndo a entrada, gratuíta para todos os afeccionados. O número de localidades reservadas á afección visitante con todo será limitado, avanzan desde a entidade granate, podendo reservarse tamén de maneira solta nas oficinas de Pasarón.