A internacional brasileira Raquel Souza cobre a baixa de Ceci no Poio FS

Poio
05 de xullo 2014

Procede do Ponte Ourense e ocupa preferentemente o posto de pívot, aínda que pode ocupar varias demarcaciones. Anteriormente militou no Burela durante unha tempada e no Futsi Atlético de Madrid outras 4 tempadas, conquistando 4 copas de España, unha supercopa e unha copa Ibérica

Raquel Souza, nun partido co Ponte Ourense
Raquel Souza, nun partido co Ponte Ourense

O Poio FS xa atopou á xogadora chamada a substituír a súa internacional Cecilia Puga, que se marcha a Italia para integrarse nas filas da Lazio de Roma, club co que xogará a próxima tempada. Trátase da brasileira Raquel Souza Noronha, procedente do Ponte Ourense onde militou as últimas 4 tempadas e co que conquistou un título de liga en primeira división, unha supercopa e dúas copas Xunta.

Anteriormente a xogadora brasileira, que ocupa preferentemente o posto de pívot, aínda que pode ocupar varias demarcacións, militou no Burela durante unha tempada e no Futsi Atlético de Madrid outras 4 tempadas, conquistando 4 copas de España, unha supercopa e unha copa Ibérica.

A tempada pasada a veterana xogadora anotou 26 goles, facendo bo o seu promedio de entre 25 e 30 goles por tempada desde que está en España.

Souza fichou polo Futsi madrileño fai 9 tempadas, procedente do Sabesp brasileiro, campión de Liga do seu país, que precisamente esa tempada realizara un stage en España, chegando a disputar un torneo en Poio.

A nova xogadora do Poio FS foi internacional por Brasil, tanto en fútbol como en fútbol sala, habendo disputado unha olimpiada coa canarinha de futbol, en Sidney 2000, na que alcanzaron o cuarto posto, sendo tamén terceiras no Mundial de EE.UU en 1999.

Con esta fichaxe, o Poio, que xa incorporou á xogadora do Marcón FSF, Jenny Lores, realiza a súa segunda contratación de cara á próxima tempada, na que aspira a consolidarse na máxima categoría do futbol sala feminino español, pendente aínda de anunciar o adestrador que substituirá a Marcio Santos no banquiño.