Comeza unha nova tempada para o Pontevedra Club de Fútbol, que este sábado (19:00 horas) inicia a liga nas Pistas do Helmántico en Salamanca ante Unionistas.
Trátase dun recentemente ascendido, pero cun importante apoio e cun equipo "talentoso", recoñeceu Luismi, quen ve no cadro salmantino "un rival que nos va a exigir".
Os granates queren empezar con bo pé a competición oficial e dar así continuidade á pretempada e ás "buenas sensaciones", explicou o técnico antes de partir cara á cidade castelá.
"Es importante empezar bien", sinalou, marcándose como obxectivo "en estos cuatro partidos sacar puntos" que quiten presión e tamén logren "que despertemos a la afición".
Juan Barbeito, por decisión técnica, quedou fóra da convocatoria do equipo do mesmo xeito que Pibe por lesión e Javi López por lesión, compoñendo a lista de 18: Edu Sousa, Ualoloca, Nacho López, Churre, David Castro, Berrocal, Álex Fernández, Mouriño, Álex González, Javi Pazos, Kevin, Adrián León, Campillo, Arruabarrena, Romay, Pedro Vázquez, Jesús Barbeito e Nacho Lorenzo.
Por parte de Unionistas, no cadro adestrado por Roberto Aguirre será baixa por lesión o central Admonio, mentres que o ex-granate Jorge Hernández é dúbida xunto ao seu compañeiro Molina.
O colexiado do encontro será o madrileño Miguel Ángel Ortiz Arias.