A loita feminina entra en escena no Campionato do Mundo Sub-23

Pontevedra
19 de outubro 2022

A xaponesa Yui Susaki, campioa mundial abosluta e ouro olímpico, foi unha das grandes atraccións este mércores 19 de outubro no Mundial Sub-23 de Loitas Olímpicas que se está celebrando en Pontevedra

A loita feminina entra en escena no Campionato do Mundo Sub-23 de Pontevedra
A loita feminina entra en escena no Campionato do Mundo Sub-23 de Pontevedra / Mónica Patxot

A emoción do Campionato do Mundo Sub-23 de Loitas Olímpicas avanza sen descanso no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra.

Este mércores 19 de outubro viviuse a estrea das primeiras categorías de loita feminina xunto ás roldas finais da grecorromana.

Gran parte dos focos e as miradas enfocaban cara á xaponesa Yui Susaki, estrela indiscutible dos campionatos como vixente campioa mundial absoluta e olímpica no seu peso de 50 quilos. A nipoa, que aspira en Pontevedra a conseguir o 'Grand Slam' da loita coa medalla que lle falta, non defraudou avanzando con autoridade ata a final da súa categoría prevista para este xoves.

Susaki venceu con contundencia a Shahana Nazarova (Acerbaixán) e Sarra Hamdi (Tunes) na xornada matinal para avanzar ás semifinais da tarde, nas que se desfixo tamén pola vía rápida da italiana Emanuela Liuzzi para quedar a só un paso do título mundial sub-23, o que lle falta no seu incrible palmarés.

A actividade dos mundiais continuará este xoves coa estrea da gran esperanza galega na competición, Nerea Pampín, deportista bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e que se medirá no seu primeiro combate a Nigar Mirzazada (Acerbaixán), bronce no último Europeo Sub-23, coa esperanza de poder pelexar polos postos de honra.