A loita feminina toma o protagonismo no Europeo Júnior de Pontevedra

Pontevedra
06 de xuño 2019

O Pavillón Municipal dos Deportes viviu este xoves a cuarta xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas coa estrea en competición da primeira representante galega, Nerea Pampín, e protagonismo para a loita feminina

Nerea Pampín, na cuarta xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas
Nerea Pampín, na cuarta xornada do Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas / Mónica Patxot

Á cuarta xornada de competición no Campionato de Europa Júnior de Loitas Olímpicas chegou o debut galego sobre os tapices instalados no Pavillón Municipal dos Deportes.

Pechada xa a actividade de loita grecorromana, a loita feminina centra estes días o protagonismo competitivo, con maior protagonismo para o equipo nacional e tamén para a representación galega.

A primeira deportista local en tomar a alternativa foi Nerea Pampín (Club  Keltoi Vila de Cruces) na categoría de 65 quilos.

A loitadora, bolseira no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, comezou con forza a súa participación no Europeo, vencendo á checa Tereza Konopokova para meterse en cuartos de final. Con todo no seu seguinte enfrontamento non correu a mesma sorte e caeu ante a estoniana Viktoria Vesso, quedando relegada á repesca.

En canto á representación española, os seus resultados foron máis positivos co inicio o xoves da loita feminina que na modalidade de grecorromana, con Marta Ojeda (68 quilos) conseguindo meterse no penúltimo combate, o da medalla de bronce, no que só a ucraína Khrystyna Maliavka apartouna da final. O mesmo pasoulle a Ariadna Iborra (72 kilos) ante a rusa Evgeniia Zakharchenko, mentres que Maria Victoria Báez (57 kilos) mediuse polo bronce á francesa Gaëlle Ruiz.

Pola súa banda Ana González (59 quilos) perdeu no último cruzamento da repesca ante a tamén ucraína Veronika Ryabovolova, unha ronda á que tamén chegou Miren Huarte (62 kilos) contra a francesa Ameline Douarre e Ana María Torres (53 kilos) contra a ucraniana Tetiana Profalitova.

A competición continúa este venres coas últimas finais da loita feminina e o inicio da loita olímpica masculina, na que participarán outros dous deportistas galegos, Carlos Yobani (Club de Loitas Olímpicas de Vilalba) e Santiago Sánchez (Club Keltoi de Vila de Cruces), inscritos en -65 e -86 quilos respectivamente.