A lotería dos penaltis sorrí ao Waterpolo Galaico no inicio do play-off

Pontevedra
05 de abril 2016

O cadro pontevedrés adiántase na semifinal polo título tras vencer en Santiago e terá dúas opcións para certificar o seu pase á final

Equipo absoluto masculino do Club Waterpolo Galaico
Equipo absoluto masculino do Club Waterpolo Galaico / CW Galaico Pontevedra

O Clulb Waterpolo Galaico Pontevedra iniciou con bo pé a súa participación no play-off polo título galego, aínda que o fixo sufrindo máis do esperado na piscina de Santa Isabel de Santiago de Compostela.

O primeiro partido da semifinal, ante o CW Santiago, decidiuse nos penaltis despois de cuarto cuartos de máxima igualdade.

Os de Javi de Sáa comezaron con intensidade, mellorando a faceta ofensiva con respecto aos últimos partidos, pero con lagoas en defensa. Durante o partido as alternativas no marcador foron constantes ata o definitvo 15-15, cun gol de penalti dos santiagueses a falta de 48 segundos.

No desempate os pontevedreses mostráronse máis acertados dando un paso de xigante cara á final. Agora o Galaico contará con dúas opcións na casa para pechar a eliminatoria, a primeira o vindeiro sábado 9 de abril ás 17:00 horas no CGTD.

O máis negativo do encontro foi a lesión de Luís, xogador do Galaico, que se fracturou o nariz tras recibir un golpe co xeonllo dun rival nunha acción moi protestada polos pontevedreses.