A 'Marea Granate' organízase para subir en Coruxo

Pontevedra
08 de abril 2019

A boa marcha do Pontevedra na liga, metido de cheo na pelexa polo play- off, fai pensar nun importante desembarco de seguidores granates o vindeiro domingo (18:00) no derbi provincial ante o Coruxo, xa sexa en coches particulares ou no desprazamento habilitado polo club

Afeccionados do Pontevedra no campo do Vao, en Vigo Diego Torrado

Tres triunfos consecutivos na liga meteron de cheo ao Pontevedra na pelexa por entrar no play-off de ascenso, sexto a un só punto do cuarto clasificado, e esa boa marcha nótase en todo o que rodea ao club granate.

As bancadas de Pasarón, a pesar da intensa choiva, presentaron unha boa entrada ante o San Sebastián de los Reyes, con ao redor de 4.000 espectadores, e 7 días antes o desprazamento de afeccionados pontevedreses a Abegondo, para presenciar o duelo ante o Fabril, foi tamén notable.

Esta situación todo apunta terá continuidade na próxima 'final' do equipo equipo adestrado por Luismi, a que lle enfrontará o domingo 14 de abril (18:00 horas) a domicilio ao Coruxo.

A 'Marea Granate' prepárase para reaparecer no estadio vigués do Vao e axudar a sumar tres importantes puntos ante o actual noveno clasificado, xa sexa a través de coches particulares ou no desprazamento organizado polo club.

Neste sentido a viaxe en autocar anunciado polo Pontevedra para os seus afeccionados terá un custo de 15 euros (entrada incluída) para o público adulto e de 5 euros para os menores de 13 anos, con saída ás 16:30 horas do domingo desde o Pavillón Municipal dos Deportes.

Os interesados poderán anotarse nas oficinas do club en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.