A mellor clasificación na historia do Arxil

Pontevedra
30 de abril 2015

O conxunto verde igualou, cun sexto posto nacional na Liga Feminina 2, a súa mellor tempada na categoría de prata do baloncesto feminino nacional

Presentación dos equipos do Arxil 2014-2015
Presentación dos equipos do Arxil 2014-2015 / Diego Torrado

A directiva do Club Baloncesto Arxil ten un longo período por diante de planificación da próxima tempada no que afrontarán o reto de intentar manter o equipo que pelexou por ascender á máxima categoría do baloncesto feminino nacional.

Ás xogadoras de casa uníronse esta tempada pezas importantes como a senegalesa Miomouna Diarrá, unha das xogadoras máis desequilibrantes da competición, ou a estadounidense Fallon Lewis.

O seu rendemento achegou o salto de calidade necesario para loitar por cotas ambiciosas, aínda que por pequenos detalles as verdes non lograsen chegar á final polo ascenso no play-off celebrado en Lugo.

Malia iso é tempo tamén de facer balance e dende o club pontevedrés fano coa satisfacción de ter igualado a súa mellor clasificación histórica.

O Arxil finalizou a Liga Feminina 2 na sexta praza, tras o cómputo de resultados dos dous grupos, un posto que só ocupara na tempada 2003/2004.

A segunda mellor clasificación histórica remóntase ao curso 2002/2003, cando foron oitavas.