O Concello de Poio avanza na tramitación dun proxecto que, espera, supoña un gran impulso para Raxó, coa mellora das pistas deportivas de Monte Baldío.
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación para a redacción do proxecto de renovación.
"Unha vez que teñamos preparado o primeiro borrador convocaremos unha reunión co tecido social de Raxó, non só para dar a coñecer os detalles da obra, senón tamén para que os colectivos teñan a oportunidade de facer as súas achegas e suxestións", explicou Marga Caldas, edil de Deportes.
Caldas calcula que se investirán nesta actuación ao redor de 300.000 euros, coa intención de dotas as actuais pistas de tenis dunha cuberta e tamén habilitar bancadas, ademais de executar melloras nos espazos anexos.
"Tamén prevé e terá en conta o posible aumento e ampliación do equipamento deportivo no futuro", confirmou a responsable municipal.
O obxectivo da administración local é que este proxecto se poida executar antes de final de ano nunha aposta por "converter a contorna de Monte Baldío nun lugar de referencia, que axude a consolidar a práctica deportiva e de hábitos saudables".