É unha das probas deportivas con maior tradición de Marín, e un ano máis non podía faltar á súa cita nos últimos días de setembro.
A Milla Urbana San Miguel chegará este venres 29 de setembro á súa XXIV edición.
Farao a partir das 18.00 horas no seu tradicional percorrido na Avenida de Ourense, empezando polos deportistas Sub-16 para dar paso despois aos atletas Sub-14, Sub-12, Sub-10, Biberóns, Máster e a Milla Popular, para pechar coas carreiras elite feminina (20:30 horas) e masculina (20:45 horas).
A Milla contará con preto de 700 deportistas, entre os que se atopan "corredores de moi alto nivel como Carlos Porto, David de la Fuente, Gustavo Santiago, Hugo García ou Pablo Bocelo, así como na categoría feminina Xela Martínez, que está a bater todos os records na súa categoría, Isabel Caeiro ou Blanca Fernández, do Club San Miguel", explicou na presentación do evento Víctor Riobó como responsable da organización.
Riobó presentou o evento deportivo acompañado do concelleiro Antonio Traba e do presidente do Club San Miguel, Carlos da Torre.