O Pontevedra Rugby Club (PRC) está de parabén, tras o papel dos seus equipos na Copa Xunta de Galicia.
Na competición, celebrada en Lugo na modalidade olímpica de rugby-7, destacou o triunfo do equipo sénior feminino do PRC, certificando o dobrete esta tempada xunto ao título da Liga Galega.
Foi nunha final a catro, na que primeiro venceu ao CRAT da Coruña por 17-7 e despois ao Santiago RC por un apertado 19-14, chegando con todas as opcións ao duelo final fronte ao Vigo Rugby. Un partido moi disputado e que se decidiu pola mínimo (21-20).
Ademais na categoría masculina absoluta o PRC asinou o terceiro posto na Copa Xunta, vencendo o seu primeiro partido fronte ao CRAT e cedendo nos dous seguintes ante Vigo Rugby e Campus Ourense.
Tamén foi terceiro o Pontevedra Rugby Club na categoría M18 masculina, na que venceu o Vigo Rugby e o Muralla foi segundo.