A piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños foi escenario esta fin de semana do XV Trofeo Internacional Promesas do Lérez de natación.
Afastado das grandes participacións doutras ocasións, esta vez a competición organizada polo Club Natación Galaico co apoio da Federación Galega de Natación e o Concello contou coa presenza de só dous clubs, o propio Galaico e o Club Vigo Rías Baixas, achegando un total de 125 nadadores.
Pouco importaba, e é que o importante de verdade era poder volver gozar da competición na natación de base, cun trofeo que tardou ano e medio en volver ao calendario e no que participaron deportistas das categorías promesa, benxamín e alevín.
A fórmula de competición era ademais similar á dos campionatos que estes mozos nadadores terán que afrontar nun futuro próximo, con sesións eliminatorias e finais en piscina de 50 metros, dez cales e cronometraxe electrónica, é dicir, unha valiosa experiencia.
Segundo explica o Galaico o trofeo desenvolveuse con normalidade e finalmente, ao participar só dous clubs, decidiuse non dar premio global ao vencedor do trofeo, entregándose unicamente medallas nas finais de cada unha das probas establecidas no regulamento.