O Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno estrea o calendario de eventos deportivos de 2021

Pontevedra
01 de xaneiro 2021

A piscina do Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños será escenario, entre os días 3 e 5 de xaneiro, da competición autonómica, con presenza de deportistas de 22 clubs 

Campionatos Galegos Infantil e Júnior e Copa Galicia Sénior de Natación
Campionatos Galegos Infantil e Júnior e Copa Galicia Sénior de Natación / Diego Torrado

O ano comezará en Pontevedra con protagonismo deportivo grazas ao Campionato Galego de Natación Absoluto de Inverno, primeiro gran evento de 2021. 

A cita, en piscina de 25 metros, desenvolverase no Complexo Deportivo Rías do Sur de Pontemuíños entre os días 3 e 5 de xaneiro.

Segundo os datos que manexa a Federación Galega de Natación, no campionato autonómico daranse cita ata 253 nadadores de 22 clubs da comunidade.

Será a última gran competición da tempada de piscina curta, e unha boa proba para que os deportistas afinen a súa posta a piques de cara aos obxectivos que afrontarán nos próximos meses.

En total o campionato contará con tres xornadas dobres, en sesións de mañá e tarde con comezo cada día ás 9.30 e as 17.30 horas.