Primeiro exame para o Pontevedra de Carlos Pouso. O conxunto granate estrea este domingo (12:00 horas) unha nova etapa co técnico vasco no banco e faino visitando ao correúdo Las Rozas.
O conxunto pontevedrés busca a súa terceira vitoria consecutiva, a primeira co seu novo adestrador, para seguir escalando postos na clasificación, pero non o terá sinxelo xa que os madrileños, debutantes na categoría, están imbatidos no seu campo demostrando ser unha das sensacións da primeira parte da tempada.
Las Rozas, con Lolo Escobar no banco, marchan na décima posición con 14 puntos, un menos que o Pontevedra, e só encaixou 7 goles no que vai de curso, 11 xornadas.
Trátase dun equipo "muy vertical, muy profundo, maneja muy bien los tiempos de partido y el balón parado y tiene una capacidad para llegar en oleadas al ataque impresionante", o que lle converte nun "muy buen equipo", avisou este venres Carlos Pouso na súa comparecencia ante os medios de comunicación.
O preparador granate non poderá contar para a cita cos lesionados Nacho López e Berrocal, ademais de Javi López, e aínda que se espera algún cambio no once con respecto ao duelo do pasado domingo contra o Melilla as variacións non serán moitas segundo o propio técnico confirmou.
Desta forma a lista de convocados compóñena os 18 futbolistas 'sans' do primeiro plantel: Edu, Brian, Santi Figueroa, Jaouad, Churre, Pol Bueso, Naveira, Campillo, Mejía, Álex Fernández, N'Diaye, Álex González, Pedro Vázquez, Bustos, Romay, Javi Pazos, Adighibe e Rivera.
O colexiado do encontro será o andaluz José Luis Guzmán Mansilla.