O Pontevedra espanta vellas pantasmas

Pontevedra
11 de novembro 2019

O triunfo conseguido en Las Rozas, o primeiro da era Pouso, supón un paso adiante do equipo en varios aspectos que nas últimas campañas estaban a atragoarse, como eran os partidos en céspede artificial especialmente na comunidade madrileña e en horario matinal

Partido de liga entre Celta B e Pontevedra en Barreiro
Partido de liga entre Celta B e Pontevedra en Barreiro / Diego Torrado

A vitoria do Pontevedra Club de Fútbol este domingo en Las Rozas, na estrea de Carlos Pouso como adestrador do equipo, supón aos granates un importante impulso non só na clasificación, tamén a nivel mental ao deixar atrás algunhas das pedras que carrexaban nas súas mochilas durante as últimas tempadas.

Un deses aspectos é o do céspede artificial, unido aos tradicionais malos resultados nos partidos matinais que se disputan na comunidade madrileña. Eivissa é o único precedente na liga actual (derrota 2-1), pero sen ir máis lonxe, a pasada campaña, con Luismi, o Pontevedra só conseguiu sumar 4 de 24 puntos posibles en partidos disputados sobre superficie sintética, e o único triunfo chegou ante o veciño Rápido de Bouzas. O resto de resultados foron un empate en Navalcarnero e derrotas ante Internacional de Madrid, San Sebastián de los Reyes, Unión Adarve, Las Palmas Atlético, Valladolid B e Guijuelo.

Este particular gafe remóntase tamén á época de  Luisito, xa que no curso 17-18 sumáronse 8 de 18 puntos posibles en céspede sintético, sendo as únicas vitorias as conseguidas xa con Luismi no tramo final da liga, en Navalcarnero e Valladolid B que resultaron decisivas na permanencia do equipo. Na 16-17 pola súa banda só se xogaron tres encontros nestas circunstancias, pero non se conseguiu gañar (dous empates e unha derrota).

Ademais o Pontevedra de Pouso logrou anotar tres goles a domicilio, como ocorreu a pasada campaña en Bouzas, e gañar remontando, ao que se suma o fin doutra particular maldición moi comentada entre plantel e afeccionados, a de conseguir gañar un partido retransmitido en directo pola plataforma Footters. Outra 'pantasma' que se afasta.

Las Rozas supuxo tamén a segunda vitoria consecutiva a domicilio, terceira en total, o que deixa a tiro igualar un rexistro, o de gañar tres veces seguidas lonxe de Pasarón, que foi conseguido por última vez na tempada 14-15, aínda en Terceira División xusto o curso do ascenso. De feito, en Segunda B o Pontevedra non encadea unha xeira así desde a campaña 2009-2010, cando con Pablo Alfaro xogou o play-off de ascenso como un dos mellores visitantes do Grupo I (chegou a acumular catro vitorias seguidas fóra da casa).

Pero antes de asaltar este rexistro, o novo Pontevedra tentará prolongar o seu bo momento na visita do Marino de Luanco ao Estadio Municipal de Pasarón (domingo, 17:00 horas).