No medio dunha xornada de liga, aínda que o Pontevedra xogará en horario de tarde (17:00 horas) contra o Marino de Luanco, o club granate coñecerá quen será o seu rival na primeira rolda da renovada Copa do Rei.
A Real Federación Española de Fútbol publicou a data e as bases do sorteo para a eliminatoria inicial do torneo do K.O., que se xogará a partido único os días 17, 18 e 19 de decembro.
O sorteo terá lugar na sede federativa o vindeiro domingo 17 de decembro ás 12:30 horas, aproveitando que non hai competición esta fin de semana en Primeira División, pero ignorando que si a hai na categoría de prata e bronce e Terceira, con equipos presentes no sorteo.
A nova Copa do Rei gaña sensiblemente en atractivo para os modestos, aínda que no caso do Pontevedra o máis probable é que teña que superar a primeira rolda para enfrontarse a un equipo de Primeira División.
Tal e como están configuradas as bases os granates teñen moitas papeletas para ver as caras contra un equipo da súa mesma categoría nun partido que se xogaría no estadio do que salga primeiro no sorteo (cando haxa diferenza de categoría será en casa do pequeno). Non é en todo caso a única posibilidade, xa que un equipo da categoría de bronce quedará exento da primeira rolda e outros tres enfrontaranse a un conxunto da Segunda ou Primeira División.
Isto será así porque os primeiros emparellamentos en coñecerse serán os de equipos chegados desde a fase previa do torneo con 10 clubs de Primeira División. Os 6 restantes da máxima categoría que entran no bombo (Barcelona, Real Madrid, Atlético de Madrid e Valencia están exentos por xogar a Supercopa de España) sumaranse ao grupo dos 22 de Segunda División que se cruzarán co Grupo B do sorteo (21 de Terceira División máis os 4 semifinalistas da Copa RFEF).
Os números din que 3 equipos por tanto da Liga de Fútbol Profesional, xa sexa Primeira ou Segunda, chegarán á fase do sorteo na que entrará en xogo o Pontevedra xunto a outros 34 clubs da Segunda B, o que deixa moi poucas posibilidades de ver a un equipo de superior categoría en Pasarón nesta primeira rolda.
No caso de avanzar na competición, a segunda eliminatoria disputarase de novo a partido único os días 11 e 12 de xaneiro, estando fixado o sorteo da mesma para o venres 20 de decembro.