O duelo entre Pontevedra e Ibiza de Copa do Rei solaparase en horario co 'Clásico'

Pontevedra
27 de novembro 2019

O club granate confirmou o horario do duelo de primeira rolda de Copa do Rei, que se disputará o mércores 18 de decembro no Estadio Municipal de Pasarón coincidindo co Barcelona-Real Madrid de Primeira División aprazado no seu día

Partido entre Eivissa e Pontevedra en Can Misses
Partido entre Eivissa e Pontevedra en Can Misses

Xa hai horario para a estrea esta tempada do Pontevedra Club de Fútbol na Copa do Rei, e seguro non gustará a moitos afeccionados.

O duelo que enfrontará aos granates co Ibiza, en eliminatoria a partido único, disputarase o mércores 18 de decembro ás 19:00 horas no Estadio Municipal de  Pasarón. Así o confirmou a entidade pontevedresa.

Este horario supón coincidir en parte co 'Clásico' do balompé nacional entre Barcelona e Real Madrid, da Primeira División, aprazado no seu día e que comezará unha hora despois, ás 20:00.

Desde que se coñeceu a data do Barcelona-Real Madrid todos os equipos inmersos no torneo do K.O. querían evitar a coincidencia. No caso do Pontevedra o problema radicaba no rival, ao tratarse dun equipo balear suxeito ás condicións da viaxe organizada pola Federación Española, o que dificultaba o cambio de día.

O que aínda non fixo público o club granate é o prezo das entradas para este encontro, ao que previsiblemente só poderán acceder sen pasar por despacho de billetes os socios que retiraron a principio de tempada o 'abono plus'.