O campo da Seca, nova base de operacións do Pontevedra

Pontevedra
14 de novembro 2019

O primeiro plantel granate ten previsto adestrar a partir de agora dous días á semana nas renovadas instalacións da Seca en Poio, con dimensións case idénticas ás do Estadio Municipal de Pasarón

Adestramento do Pontevedra no campo de fútbol da Seca en Poio
Adestramento do Pontevedra no campo de fútbol da Seca en Poio / PontevedraViva

O renovado campo de fútbol da Seca, en Poio, converteuse desde esta semana nunha das bases do primeiro plantel do Pontevedra.

Coa chegada de Carlos Pouso, unha das primeiras medidas do técnico foi a de variar os campos de adestramento, utilizando ata a data tres deles como son  Cerponzóns, A Xunqueira I e desde este mércores o de Poio. 

A esa lista unirase cando deixe de chover o Estadio Municipal de Pasarón, agora baixo estritos coidados para que supere da mellor maneira posible a época de choivas, e mesmo algún outro campo da comarca con céspede natural, como no pasado foron o de Moraña ou Cambados. Pero mentres iso non é factible polas condicións meteorolóxicas, a entidade granate debe adecuarse ás súas limitacións.

En canto ás instalacións da Seca, cuxas obras de renovación concluíron a finais do mes de setembro, a intención do Pontevedra é traballar nelas polo menos dous días á semana.

Con iso o corpo técnico busca aproveitar un campo que, ao contrario que outros de herba sintética do municipio e a comarca, máis estreitos, ten unhas dimensións case idénticas ás do Estadio Municipal de Pasarón (que conta con 105x66 metros), o que favorece a toma de referencias no xogo e tamén a preparación de xogadas de estratexia.

O deste mércores foi o primeiro adestramento dos de Carlos Pouso en Poio. Estaba previsto que o equipo repetise tamén o xoves, pero traballos de mantemento na Seca impedírono deixando esa opción xa para a próxima semana, xa que o venres o Pontevedra traballará na Xunqueira e o sábado, o día antes de enfrontarse ao Marino de Luanco, no que ata o de agora foi o seu cuartel xeral, Cerponzóns.

Na renovación do campo da Seca investíronse 415.715 euros, con melloras nas súas instalacións e o cambio do tapete de xogo, que antes era de herba natural e agora pasou a céspede artificial de última xeración.