A nova secretaria xeral para o Deporte pasa revista ao CGTD e promete melloras na súa residencia

Pontevedra
21 de decembro 2016

Marta Míguez visitou por primeira vez o centro de tecnificación desde que asumiu o cargo para coñecer as necesidades de deportistas e profesionais que alí adestran e sinalou, en relación á instalación e á vocación deportiva da cidade de Pontevedra, que "son 11 medallas olímpicas dende o ano 2000 e é un núcleo moi importante a mimar"

A secretaria xeral para o deporte, Marta Míguez, visita as instalacións do CGTD
A secretaria xeral para o deporte, Marta Míguez, visita as instalacións do CGTD / Mónica Patxot

Marta Míguez, recentemente nomeada Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en substitución de José Ramón Lete, visitou este martes por primeira vez desde que asumiu o cargo unha instalación crave no futuro do deporte autonómico, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Tras entrevistarse coa dirección do centro e coñecer as instalacións, Míguez reiterou a aposta do departamento que agora dirixe polo lugar no que se forman as grandes promesas do deporte galego.

De feito prometeu seguir "mellorando na medida que poidamos" para "apoiar a todos os deportistas que están aquí becados" con novos investimentos, como o illamento da residencia, na que se instalará dobre xanela para que "os nenos e deportistas estean o mellor atendidos posible".

A máxima responsable do deporte galego asegurou que Pontevedra como cidade e o propio CGTD son "un núcleo moi importante a mimar" despois de conseguir "11 medallas olímpicas dende o ano 2000".

Tras esta visita Marta Míguez ten previsto coñecer o vindeiro venres o resto de instalacións deportivas da Xunta en Pontevedra, como a pista de piragüismo de Pontillón do Castro ou o campo de tiro de Cernadiñas Novas.