A organización da Pinga Pinga amóldase á nova data e prepara xa a súa oitava edición

Marín
26 de outubro 2017

Superada a polémica pola cesión do campo de fútbol de Santo Tomei de Piñeiro, que provocou a súa suspensión, o CD Pinarium ultima os detalles da carreira popular, que se celebrará finalmente o domingo 26 de novembro

VII Carreira Pinga-Pinga
VII Carreira Pinga-Pinga / Diego Torrado

Superada a polémica pola cesión do campo de fútbol de Santo Tomé de Piñeiro, que provocou a súa suspensión, o CD Pinarium ultima os detalles da VIII carreira popular Pinga Pinga.

O evento celebrarase finalmente o domingo 26 de novembro, cun percorrido que se mantén e que terá o seu centro organizativo, ademais da saída e a meta, no campo de fútbol.

A primeira das carreiras previstas será a absoluta, ás 10:30 horas, cun percorrido de 7,2 quilómetros completando tres voltas ao circuíto deseñado. A organización confirmou ademais premios en metálito (200, 100 e 50 euros) para os tres primeiros clasificados en categoría masculina e feminina. 

Despois será quenda da competición para os menores de idade.

As inscricións para a VIII Pinga Pinga poden formalizarse ata o día 23 de novembro en www.cronotec.es.

A programación da xornada complétase cunha andaina, non competitiva, de 4 quilómetros que partirá ás 10:15 horas da mañá.