A permanencia do Arxil na Liga Femenina 2 decidirase no CGTD

Pontevedra
21 de xaneiro 2020

As verdes, inmersas nunha xeira de oito derrotas consecutivas, reciben nas dúas próximas xornadas ao último e penúltimo clasificado co obxectivo de abrir unha fenda entre o equipo pontevedrés e a zona de descenso

Partido entre Arxil e Baxi Ferrol no CGTD
Partido entre Arxil e Baxi Ferrol no CGTD / Diego Torrado

O Arxil está ao bordo do abismo. Inmersas nun refacho de oito derrotas consecutivas, as verdes inician o último tramo de liga coa urxencia de comezar a sumar vitorias para fuxir da zona de descenso, só unha vitoria as separa da queima. É por iso que desde o club fan un chamamento á afección para que acuda en masa aos sete de doce partidos que as pontevedresas disputarán como locais antes do final de liga.

A carreira pola permanencia comeza este sábado. As de Mayte Méndez reciben ao pechacancelas, que conta por derrotas todos os seus partidos. Con todo, chegarán á cidade do Lérez nunha clara liña ascendente, con resultados cada vez máis apertados, polo que as locais deberán ofrecer a súa mellor versión para cortar dunha vez por todas a mala dinámica que arrastras desde hai meses. 

E no horizonte agarda o ADBA. As de Avilés visitarán a cancha do CGTD dentro de quince días nun duelo que marcará o futuro de ambos os conxuntos. Unha vitoria local dará aire ás verdes, unha derrota apertaría aínda máis a loita pola salvación. Ademais, o calendario será logo máis esixente para as da Boa Vila.

Desde o club piden o apoio dos seus seareiros. O futuro do Arxil na elite nacional está en xogo.